NEMETH

27.4.04

diada de llibres i roses...

Aínda non dixera que son un galego (como ven se nota) exiliado en Barcelona dende hai casi que un ano.
Este pasado 23 de abril, foi a miña primeira diada de Sant Jordi. Un dos mellores días que teño pasado por este recanto. Un día de festa sen ser festivo. Milleiros de persoas, milleiros de rosas, milleiros de libros, milleiros de sorrisos. Como o meu: encetar libros con arrecendo a primavera. Será por que non son alérxico.
Asociación de ideas + morriña = Día das Letras. Lembranzas da escola. Mágoa de ver como esmorece.
Antídoto contra a morriña: gregarismo. Gracias, Silviña&familia.
Atraquei a Sargadelos (só foi o comezo do burato na visa).
Clase de economía práctica. 6 do serán. Comeza a chover, tronar e alustrar todo xunto. Consecuencia (non conto molladuras na procura de abeiro): crack bursátil nas rosas. Unha rosiña vermella moi ben engalanada con espiga e todo, antes 4 € (xa lle chegaba, ho!), agora 2 €. Ah! as marabillosas leis da oferta e a demanda. Ao final, adxudicadas por 1€ a uns rapazolos con senyera estalada i tot. O fet diferencial este do carallo.
Sempre soñei con que no 17 de maio con cada libro que se dea, no canto dunha rosa, agasallemos cunha unha xorima ou unha flor de xesta. Somos un país pobre.
Teño saudades visuais e olfativas. Unha imaxe: a serra morada-uz, branca-piorno e amarela-toxo. Un cheiro: piornos e xestas, cun toque de mimosas. Máis morriña.