NEMETH

28.3.06

O Macizo Central.

Para min, o que na escola lle dicían 'Macizo Central Orensano', era 'A Serra'. Así de sinxelo, sen máis. Nin Queixa, nin Fial das Corzas, nin San Mamede...
Sabía de veciños que naceran 'do outro lado da Serra', da banda de Verín. Daquela había de ser ben grande! Sabía tamén, que cando íamos ao Losada (o oculista) de Ourense, cando baixabas o Alto do Rodicio, a Serra desaparecía de súpeto ao avistarmos Maceda. Que chairo era! Era algo estraño e sorprendente! A Serra tamén tiña as súas particularidades e os seus nomes: o alto da Cabeza Grande (o que se coñece como Cabeza de Manzaneda), o alto do Seixo, a Cabeza dos Bois, o Portelo das Merendas, o alto da Escrita, o alto de San Mamede, o alto de Drados, As Aguilladas, a Chaira das Lamas, O Castelaioso... Pero non deixa de ser 'A Serra'.
A Serra que vía todos os días ao ir ao colexio ou, máis tarde, ao instituto. A que traguía o vento xeado nas mañás do inverno e a brisa do vrao. Onde vivía o lobo. Onde ía o padriño coa res cando lle tocaba a viceira. Onde algunha vez tamén me levaban a min! Onde íamos apañar cagallas aos curros (conguitos, lles chamábamos) e de paso, moreas de arandos. Onde andara fuxido o Mario de Langullo e O Porco, que case mataran o avó. Onde morrera un estranxeiro perdido na néboa. Por onde ían os contrabandistas camiño de Portugal. Ou onde cada penedo era obra dunha moura ou tiña un tesouro agochado. Onde meu pai ía coa facenda de neno (por onde hoxe hai hoteis e pistas de esquí). E onde despois me transmitiu a min ese amor, respecto e admiración por aquel chao case sacro.
A Serra era (i é) o meu referente. Sinto morriña dela. Por veces estou farto de tanto ceo e de tanta chaira! De levantar os ollos e non vela...

Esta parrafada saudosa e espanta-morriñas vén a conto dunha nova aparecida no Faro de hoxe. Seica o Conselleiro Pachi (Psoe-boina) pensa facer da Serra un Parque Natural (xa o é un anaco, O Invernadeiro). Polo que conta tamén semella que afectará ao Canón do Bibei-Navea (As Ermidas-Montefurado).
Punto número un: Benvida sexa a noticia. Quero ser optimista con que isto traia investimentos á zona (por fin!) e sirva pra desenvolver e fixar poboación nas aldeas. Iso sí, habería que respectar aos que viven na e da Serra, ao fin somos nós os que a conservamos e explotamos até o de agora de xeito sustentábel. Non servirá de nada termos unha especie de 'Reserva Apache' pra que veñan os señoritos de fóra pasar a fin de semana 'na aldea'.
Dous: nunca estiven dacordo coa economía de turismo que nos están metendo polos ollos. A Serra e as bisbarras que a forman teñen e deben vivir do agro e do gando. O turismo nunca dará para comer a toda a poboación. É un complemento marabilloso, pero só iso, un complemento. De nada serve se temos os soutos sen mondar, as leiras a monte e as viñas á poula.
Terceiro punto: será interesante ver como lle sentará o asunto a algúns alcaldes 'ecoloxistas' que están desenvolver a caza maior (estilo Extremadura) a costa da gandería extensiva (a viceira) e, de paso, estragar o patrimonio natural que se pretende protexer. De momento O'Baltar xa orneou.

Perdoade a extensión do post (debe de ser o máis extenso que escribin nunca). O tema interesa e aféctame moito (como bon galego, tamén son propietario... :).

Se queredes ver algúnha panorámica máis, premede aquí, acó ou acolá. E xa postos, páxina das 'Terras Altas de Galicia'.