Cousas da lingua...
Co pedante nome de 'Comité cidadán 17 de maio' foi apresentado en Compostela unha serie de casos de discriminación lingüística. Velaí van algúns exemplos:
O ferrolán Ángel Penabad, nun McDonald "foi reprendido" por pedir o menú en galego, despois do cal o traballador invitounos a abandonar o local "se non estaban contentos". Certo, se non che gusta, vaste. Pero tan pouca vergonza!
Montse Irago, ex-traballadora dunha asesoría de Pontevedra. Foi despedida por falar galego cos clientes (os que se dirixian a ela en galego) e cos compañeiros de traballo. A sú xefa advertíraa que a ía despedir de non falar castelán. Non perderse os comentarios á nova do link. Así non me extraña que estemos como estemos.
Ou o escritor Lois Diéguez, ao que segundo conta n'A Nosa Terra se lle negaron a facer en galego as escrituras dos piso. Eu hai pouco inda tiven sorte. Puxeronme todas as pegas posibeis, e despois aínda tiven que corrixir eu mesmiño o documento ('si fuese en castellano tardaba cinco minutos, pero al ser en gallego no sé si te lo tendré hoy', 'es que claro, al ser en gallego...').
E así máis e máis casos. E os que non se saben. Imposibilidade de casar en galego. Dificultades pra morrer en galego. Pra trocar apelidos. Pra sermos atendidos coa calidade precisa (no mesmo idioma no que nos diriximos)...
Todos coñecemos casos ou mesmo temos sido 'vítimas' de discriminacións semellantes. Temos tan interiorizado o auto-odio e a vergoña que a metade das veces trocamos de idioma sen chistar ou xa nin o esiximos pra aforrármonos problemas.
Por que sempre habemos de ceder os mesmos? Por que tanto medo a deixar un cachiño da torta?
Fico contento de ollar como a loita vai tornando de cara paseniño. De ver que imos pasando do victimismo (é preciso rebulirse, seguimos a ser víctimas, a estar discriminados) a que xurdan propostas prácticas e cheas de vida (non folclóricas nin rituais nin necrolóxicas). Hai pouco falaba ao redor dun solombo que o feito de facermos os blogos en galego xa é unha aposta ou un posicionamento. E que vimos sendo unha especie de cortexo fúnebre prá lingua. Certo, son un chisco pesimista crónico. Mais tamén teño esperanza. Que por nós, que non quede!
E tentarei que este sea o último post sobre o tema. Que esta semana habemos ir ben servidos... :)
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home