Hoxe lin en
culturagalega.org sobre o Entroido de
Salcedo, en terras da Pobra de Brollón, na outra beira do Sil. Falan das moitas similitudes cos entroidos de Europa adiante.
Eu non dou chegado tan lonxe. Mais chámame a atención as semellanzas co
entroido dos Pirineos. Ese medo ou respeto ao oso/onso/
hartzaé común e lóxico nunhas sociedades gandeiras. Unha das mázcaras da miña infancia zoscábanos cunha vexiga coma os zaku-zaharrak do entroido/iñaute de
Lesaka. Os boteiros, mázcaras,
irrios e peliqueiros fan soar chocas semellantes ás esquillas de Aragón e as
polunpak ou joaleak vasconavarras. As madamas en Aragon e Galiza son irmás das mairuak de Nafarroa.
O caso é que lendoo, veume á memoria
Bielsa, no
Sobrarbe do Alto Aragón. Esta vila ten un
Carnabal de sona, o mellor conservado de todo Aragón.
Nesta foto antiga vese a personaxe máis representativa, o 'onso', que é como lle chaman ao oso no dialecto
belsetán, gardado por uns 'domadors'. Seica nos Pirineos din que se o oso sae da cova e se atopa coa lúa vella volve acubillarse e a primavera ha tardar corenta días máis. Se é noite pecha, adiantarase o ciclo. Igualiño que no sonado Dia da Marmota ianqui (do que soubera polo
Acedre), só que é máis doado de manexar unha marmota...
Estoutras personaxes con saias, chocas e cornos de castrón son os Trangas.
Tamén teñen madamas,
E velaquí o amontato (un home dacabalo dunha vella). Non atopei nada do caballé (cabalo que un mozo loce na súa cintura), da hiedra (feita coas follas dunha hedra) e da garreta (mázcara feita de panos portugueses). Case como se estivera na
casa...
Non vos perdades tamén as historias (rifa incluída) en belsetán en
Charrando TB. Cousas ben interesantes como a da
Bolsa de Bielsa,
dramático episodio da Guerra Civil, no que esta vila quedou como reducto republicano tras do avanzo das tropas nacionais.
A beleza destes vales ben paga a pena. Velaí unha mostra deste pasado mes de decembro, sacada dende o Collado de las Pegueras, a 1989 metros. Ao fondo o Macizo do Monte Perdido, con A Bal Berde e A Bal de Bielsa ao seu pé e co Pico L'Orbar en primeiro termo.
Etiquetas: aragon, entroido, fabla