NEMETH

31.3.06

Beleza real?


Hai que ver o que se pode chegar a amañar as fotos hoxendía! Curiosa galería de amaños fotográficos.
É a mesma rapaza?

Motivacións...

Preciso dalgo así, onde se mercarán botellas desas?

Quedan 8 dias prás vacacións e 10 pra velas torres da Catedral...

Bichiños.

Galería de macros de bichiños ben interesante e curiosa. Por Igor Siwanowicz. Faime lembrar as trastadas eu lles facíamos ao pobres. Ou cando lle achegaba un deles á miña amiga Pili, ou lle ensinaba ilustracións de serpes ou lermes (tenlle auténtica fobia...).

30.3.06

Será pra tanto?


Dá páxina de M.Meixide saco este vídeo ben simpático: unha breve e paranoica historia dos EEUU.


Por certo, tamén grazas a el temos a versión en galego do Meebo (unha caste de mensaxeiro-web que emprega contas de Msn, Yahoo...). Ppide colaboración pra testetala. Copio e pego:

O Meebo esta sendo traducido a moitos idiomas, que estaran na proxima version. E boa cousa que mais de uma persoa revise o texto, se tes uns minutos podes facelo para a version en galego.
Meebo e uma paxina na Rede na que te podes conectar e falar cos teus contactos sen ter que instalar os programas - MSN, Yahoo, ICQ, Gtalk, AIM & Jabber e outros no futuro. A ventaxa de non ter que instalar nada e importante cando falas nun PC que non e o teu, en calquera lugar do mundo.

Graciñas polo bo traballo.

Wanted


Por se a alguén lle fai falla... como facer cartaces dos máis buscados...

29.3.06

Dez por dez.

Curiosa páxina que define as 100 palabras e 100 imaxes que definen cada intre... totalmente dinámico! Non atopo por ningures 'love', 'live'... mais si 'died', 'killed' ou 'war'. Só unha esperanza... 'peace'.

Fans...

Moi ben feitiña esta páxina....

28.3.06

Fume


Outra peli desta fin de semana. Betty Davis. Huma Rojo. Huma, humo. Fume.

Publicidade.

Esta pasada fin de semana foi moi tranquila e repousada, descansando de estreses e arrefriados varios e sacándolle o mollo aos novos aparellos recén adquiridos.
Ao fío dúnhas das pelis vistas, atopei este curioso enlace: famosos occidentais (véxase Billy Murray) anunciando productos xaponeses que nin habían de saber que existían. Igualiño có Sean Connery...

O Macizo Central.

Para min, o que na escola lle dicían 'Macizo Central Orensano', era 'A Serra'. Así de sinxelo, sen máis. Nin Queixa, nin Fial das Corzas, nin San Mamede...
Sabía de veciños que naceran 'do outro lado da Serra', da banda de Verín. Daquela había de ser ben grande! Sabía tamén, que cando íamos ao Losada (o oculista) de Ourense, cando baixabas o Alto do Rodicio, a Serra desaparecía de súpeto ao avistarmos Maceda. Que chairo era! Era algo estraño e sorprendente! A Serra tamén tiña as súas particularidades e os seus nomes: o alto da Cabeza Grande (o que se coñece como Cabeza de Manzaneda), o alto do Seixo, a Cabeza dos Bois, o Portelo das Merendas, o alto da Escrita, o alto de San Mamede, o alto de Drados, As Aguilladas, a Chaira das Lamas, O Castelaioso... Pero non deixa de ser 'A Serra'.
A Serra que vía todos os días ao ir ao colexio ou, máis tarde, ao instituto. A que traguía o vento xeado nas mañás do inverno e a brisa do vrao. Onde vivía o lobo. Onde ía o padriño coa res cando lle tocaba a viceira. Onde algunha vez tamén me levaban a min! Onde íamos apañar cagallas aos curros (conguitos, lles chamábamos) e de paso, moreas de arandos. Onde andara fuxido o Mario de Langullo e O Porco, que case mataran o avó. Onde morrera un estranxeiro perdido na néboa. Por onde ían os contrabandistas camiño de Portugal. Ou onde cada penedo era obra dunha moura ou tiña un tesouro agochado. Onde meu pai ía coa facenda de neno (por onde hoxe hai hoteis e pistas de esquí). E onde despois me transmitiu a min ese amor, respecto e admiración por aquel chao case sacro.
A Serra era (i é) o meu referente. Sinto morriña dela. Por veces estou farto de tanto ceo e de tanta chaira! De levantar os ollos e non vela...

Esta parrafada saudosa e espanta-morriñas vén a conto dunha nova aparecida no Faro de hoxe. Seica o Conselleiro Pachi (Psoe-boina) pensa facer da Serra un Parque Natural (xa o é un anaco, O Invernadeiro). Polo que conta tamén semella que afectará ao Canón do Bibei-Navea (As Ermidas-Montefurado).
Punto número un: Benvida sexa a noticia. Quero ser optimista con que isto traia investimentos á zona (por fin!) e sirva pra desenvolver e fixar poboación nas aldeas. Iso sí, habería que respectar aos que viven na e da Serra, ao fin somos nós os que a conservamos e explotamos até o de agora de xeito sustentábel. Non servirá de nada termos unha especie de 'Reserva Apache' pra que veñan os señoritos de fóra pasar a fin de semana 'na aldea'.
Dous: nunca estiven dacordo coa economía de turismo que nos están metendo polos ollos. A Serra e as bisbarras que a forman teñen e deben vivir do agro e do gando. O turismo nunca dará para comer a toda a poboación. É un complemento marabilloso, pero só iso, un complemento. De nada serve se temos os soutos sen mondar, as leiras a monte e as viñas á poula.
Terceiro punto: será interesante ver como lle sentará o asunto a algúns alcaldes 'ecoloxistas' que están desenvolver a caza maior (estilo Extremadura) a costa da gandería extensiva (a viceira) e, de paso, estragar o patrimonio natural que se pretende protexer. De momento O'Baltar xa orneou.

Perdoade a extensión do post (debe de ser o máis extenso que escribin nunca). O tema interesa e aféctame moito (como bon galego, tamén son propietario... :).

Se queredes ver algúnha panorámica máis, premede aquí, acó ou acolá. E xa postos, páxina das 'Terras Altas de Galicia'.

Amorodos.

Así coñecemos aos morangos na miña casa (a contar a verdade, amorodos eran os salvaxes, as da horta xa evoluíran a 'fresas', cousas da diglosia...).
Provai o xeito de preparalos de Colineta, abofé que son deliciosos!

26.3.06

Aló foi...

o farrapo. Se non fora polas desfeitas que fixo, érache pra aledarmonos do temporal. Foise Diniro e xa nada é igual en La City...

A Mesa.

Parabén á Mesa pola Normalización Lingüística (demo de nome!) polos 20 anos de traballo pola lingua de país, con todas as sús sombras e as súas luces. E por certo, grazas!

Temos novo cherif, forasteiro.


Súmome á campaña de Ghanito. Hai que mellorar Warrenton... :)

Se non che gustou, podes devolvela ou tuneala acó.

23.3.06

Preciso dunhas vacacións..

Hoxe preguntaron no traballo polas 'previsións' de vacacións pra este ano. Ou cando as queríamos coller... A min xa me tarda a semana santa, e non é porque teña unha mantilla de estrea.

Pra calentar motores, velaquí un 'top 25' das mellores webcams do mundo, pra evadireste un anaco se estás no traballo!


E praos que andamos ciscados por aí, o 'noso' propio top... anque chova! :D

Máis postais antigas...

acó... un paradiso de sorpresas para calquera!

Dende dous chineses endrogados até as cellas...


até estrelas do cinema...

ou monxiñas evanxelizando a negros africanos...

Postais...

Velaquí unha interesante páxina de postais xaponesas... Dúas paixóns nunha.

Identidade.

Chegan estes días un par de posteos aos meus ollos sobre o tema da identidade (supoño que ao fío das declaracións do Quin). Un é a de Colazo, co que estou dacordo. O outro, xenial coma sempre, de Sihomesi... Neste caso o tamaño sí que importa!

seica chove!


acó tamén, que xa é máis raro...

22.3.06

A primavera..

xa chegou de vez! Non só frolecen as árbores e as miñas macetas agroman... tamén reverdecen as nosas esperanzas. Que non veñan xeadas nin friaxes polo medio, e poidamos recolleitar bo froito...

Pecha A Cova.


entérome por arredemo que vai pechar A Cova Folk da Coruña. Fico consternado... desaparece uns dos meus lugares de referencia nocturna cando vivira entre os cascarilleiros. Aló van lembranzas e vivencias. Máis información en Ghastas Pista.

Vagabundo...

querería facer coma Mike Pugh, un ianqui de Chicago do que veño de descubrir esta interesante e moi currada páxina sobre o seu viaxe por Asia e África. Completa rota e moi lindas fotos. Velaquí uns exemplos:

de Myanmar,


Nubia ou Zanzibar.

Os cans...



máis famosos, co gallo do ano do can. De Snoopy, Scooby Doo e Lassie pra abaixo. A min fáltanme Ran-Tan-Plan (o de Lucky Luke), Pulgoso (ese que ría dun xeito tan peculiar), o can do Inspector Gadgett e o can-policía vienés Rex. Claro que ao non ser ianquis...

Dúbidas...


andei estes días algo dubidoso, en canto a perspectiva futuril se refire. Levo escasos cinco mesiños acó e xa me proe a alma con novos horizontes. O corazón téntame con ser conveciño de acedre a medio prazo. A morriña quere voltar prá terra. Xa vivín en ben sitios, mais só teño saudades dunha cidade. Teñoa que catar algún ano destes pra ver como sabe, como ule, como alenta. Quince días traballando nela soubéronme a pouco.

Aquí podedes mirar máis fotos lindas dos nosos vezinhos.

21.3.06

O mundo


pódese (e débese) intentar mellorar. Entre todos...

Aínda que xa pasou...

hoxe chegou ás miñas mans esto


Feliz día da árbore! :D

Volver...

O venres pasado fun ver Volver, de Almódovar. Eu gostei bastante, sobre todo despois de 'La Mala Educación' e 'Hable con Ella', das que non gostei gran cousa. É certo que non asume riscos ningún, e que se auto-plaxia constantemente, mais havos gustar se gustáchedes de 'Qué hice yo para merecer esto'. 'Vuelve' o Almodóvar clásico.
Todo son loubanzas pra Penélope Cruz, pero eu por contrariar, quédome con Blanca Portillo.
Por certo, aparece o noso Carlos Blanco, fugazmente e con sotaque andaluz.

Turning de Pages.


Velaquí unha colección de libros antigos, páxina a páxina. Dende anatomía até mapas ou o primeiro libro impreso na China. Da British Library.

20.3.06

Galeguidade.

Por Fios Invisibles, sei da escritora galego-arxentina, María Rosa Lojo. Nesta entrevista fai unha defensa da galeguidade admirábel e moi lúcida. Reproduzo algún parágrafo:

...la geografía real es lo de menos. Lo más importante es el espacio simbólico al que nos sentimos pertenecientes... Se puede ser gallego en la Luna, como dice la canción...

...mientras en Andalucía los crímenes por honor y por pasiones eran frecuentes, en Galicia esas cosas solían resolverse en forma razonablemente civilizada, mientras que en cambio, sí eran más usuales en el norte los interminables pleitos por cuestión de tierras...

...su cultura le permitía reconocer, para las mujeres, el derecho a equivocarse y a optar de nuevo por lo mejor para ellas, no para las convenciones ni las apariencias ni los prejuicios.

Por último fai unha descripción estupenda do concepto de 'galego':

...El sentido práctico que convive con la fantasía más loca, el tránsito fluido entre lo natural y lo sobrenatural, el sentido del humor, la sexualidad como un hermoso juego para reír y para disfrutar, el gusto por la buena comida, la curiosidad por otros mundos, la sencillez en el trato, la capacidad casi infinita de adaptación y de resistencia, en las peores circunstancias (porque vivir es lo importante) y también, oculta y profunda, una sensibilidad cristalina, exquisita, lista para dispararse: todo eso configura para mí lo mejor de lo gallego, lo que he recibido y atesorado....

Estou totalmente dacordo. Somos prácticos até o extremo e unha capacidade de adaptación a proba de bombas (así nos vai!).
Temos un sentido do humor incomprendido neste mundo de brincadeira chavacana e gracejo andaluz.
O sentido lúdico da sexualidade que se ve no medio rural (pra min segue a ser a 'esencia' da galeguidade) sorprende a máis de un. Hai 'trios' oficiais, curas promíscuos... Iso sí, cada un na súa casa...
O matriarcado, da relativa liberdade de decisión e importancia das mulleres sempre chama a atención. Na miña casa o 'poder' levouno meu pai e os pantalóns a miña nai...
O cosmopolitismo do que tanto fachandean nas capitales, nós levamos con total naturalidade, Quen non ten familia fóra e 'primos' alemáns, franceses, cataláns, madrileños ou venezolanos. Unha avoa galega pode ter netos chamados Jordi, Claudine, Uxía ou William.

Todo isto ten un lado escuro. Chégase a ser conformista no canto de adaptable, ou hipócrita no canto de tolerante. O mando é das mulleres pero seguen estando sometidas mentalmente e socialmente ao home. E moito cosmopolistismo, pero 'diosnoslibre de que te enredes fóra' ou que 'cases cun/cunha de fóra'...

Por certo, a Sra Lojo ven de publicar libro en Galaxia.

De viaxe...

Estiven parte da semana pasada e a fin de semana de viaxe polas terras da Nafarroa. Saquei un bon feixe de fotos (con cámara emprestada) que postearei algunha semana destas. De momento, aí vai un resumo con fotos alleas...

Comecei o choio o mércores a mesma beira da Selva de Irati (a foto é do outro extremo da fraga, o encoro de Irabia), en Izalzu-Itzaltzu, pertiño de Ochagavía-Otzagi. A pesares de pintadas en euskera, cartace bilingues... da moita mágoa ver como se vai perdendo a lingua por mor (entre outras causas, dunha nefasta política lingüística). No século XIX eran considerados coma municipios ''cerradamente vascoparlantes''. En Itzaltzu seica quedan dous velliños euskalúns (ou xa morrerían?). Xa Cando as barbas do veciño vexas cortar...

Baixando polo Val do Salazar ... tras Navacués-Nabaskoze, subín ao monte Aragangoiti, bordeando a Foz de Arbayún (na foto darriba). As vista, como podedes ver, sonvos abraiantes:

Ao pé mesmo vese o encoro de Yesa-Esa, o mosteiro de Leire, a canle de Berdún...

Pra rematar a semana, Aoiz-Agoitz, Aibar-Oibar, Gallipienzo, Cáseda e Carcastillo. Exemplo práctico dos contrastes desta terra. Das terras pirenaicas aos desertos das Bárdenas nunha hora de coche...

17.3.06

Marabillas...

Cales serían hoxe as 7 marabillas do Antigo Reino de Galiza?

No século XVI, un xesuíta chamadao Pascanaio fixo a seguinte listaxe: a Torre de Hércules, a ponte romana de Ourense, a igrexa de San Pedro de Rocas (Esgos), o Montefurado, o porto de Ferrol, o santuario da Nosa Señora das Ermidas (O Bolo) e a Catedral de Santiago de Compostela. Noutras listaxes semellantes aparecían O Cristo de Ourense ou a Muralla de Lugo.

Non podo reprimir certa fachenda de ter nacido perto de catro das sete marabillas citadas, que estean asociadas á miña nenez e sexan totalmente familares pra min. Miña nai levoume ben veces ás Ermidas pra bicar o manto da virxe. Montefurado é paso obrigado pra comunicarmonos co Val de Quiroga e Esgos coa capital. E Ourense, destino inescusábel (e pra min sinónimo de oculistas, dentistas, hospitais, seguridadessociais, facendas, etc).

450 anos despois e aínda nos fai falta grandes doses de autoestima (dá a sensación que daquela as clases 'dirixentes' tíñana máis desenvolvida ca hoxe). Na obra 'Galicia en cen prodixios' poderemos atopar algunha pista pra darmos coas nosas 'Sete Marabillas'...

16.3.06

Evolución...

da Anatomía. Dende o século XVI:


Ao ano 1837-39.

Á primeira metade so século XX (era pre-fotoxó), cunha explicación dos efectos da radiación solar, xa empregando a montaxe fotográfica...


Gosto das láminas e postais antigas. De anatomía, botánica ou zooloxía, de viaxes ou costumes, tanto me ten. As de anatomía teñen un aquel de inxenuidade segundo recúas no tempo que lle dan un encanto especial neste tempo da fotografía e o 3D. Foron sacadas da Biblioteca Nacional de Medicina dos EEUU. Tamén teñen unha galería de debuxos de rapaces que é ben simpática...

Cans de palleiro


Cans de palleiro, guichos, perdigueiros e caldelás para min eran sinxelamente cadelos, cas de caza e vacas (do país, pra distinguilas das marelas, ratinas e pintas).
Un exemplo máis do descoñecemento de nós mesmos. Inda máis, can de palleiro era algo pexorativo (e aínda o é). Pero tamén é o acompañante fiel do paisano. O vixía da casa. O xoguete dos nenos. O garda da facenda. Por iso miña nai non quería que zancarnearamos sós polo monte sen levar connosco o cadelo da casa.

Terán futuro...?

máis en culturagalega.org e na voz

Fartura de fotografía...

... en Olhares. Fartura e moi bon sabor. Espectaculares galerías, do mellorciño que se pode atopar. Moi difícil escoller unha. Hai paisaxes,



nus

ou fotojornalismo...

Pra estarmos horas admirando e aprendendo.